11 de marzo de 2011

A libretiña roxa


Hule sentou no seu asento sentíndose como unha sardiña enlatada. Puxo o cinto. Asento en posición vertical. Mirou pola ventá. E ao mirar para o outro lado alí estaba ela. Mirábao de abaixo cara arriba. O seu flequillo ata as cellas, os ollos moi abertos. Sorría. Hule non puido evitar sorrir. Colleulle a man e pechou os ollos. Durmiu.


Hai catro saídas de emerxencia...


Espertouno o son metálico da gravación. O avión xa se movía pola pista. Volveu mirar ó seu carón e alí seguía ela, fitándoo dende abaixo. O seu flequillo ata as cellas. O seu sorriso. Os seus ollos ben abertos. El apretoulle a man.


En caso de despresurización da cabina...


Deixame a túa libretiña roxa, que quero escribirche algo nela...


Contrastaron as dúas voces ao unísono. El anicouse, buscou coa man, case dislocando o brazo, o bolsiño no que a gardaba. Colleuno, sacou a libreta e mais o seu bolígrafo. Deullos a ela. Ela fitándoo dende abaixo. O seu flequillo ata as cellas. O seu sorriso. Os seus ollos ben abertos. Colleu a libreta e o bolígrafo e puxoos no seu regazo.


Mentres o avión corría pola pista apretaron as súas mans. Mentres despegaba cara o ceo non pararon de mirarse. A libretiña no colo dela.


Ao pouco el durmiu. Deixandoa a ela coa mesa aberta e escribindo na súa libreta das viaxes. A libreta que el sempre leva para escribir o que pensa cando anda por ahí. A libreta na que ninguén mais ca el escribira ata ese día. Pechou os ollos e marchou de viaxe polos Países Baixos, por Bélxica. Percorreu ríos e casiñas de cores, subiu ata montañas con ela e baixounas a correr collido da súa man.


E espertou. Ela estaba escribindo. Non quería que o lese ata que estivese rematado. El durmiu de novo e de novo volveu soñar con ela. Volveu espertar tamén, e ela xa estaba rematando. Esperouna. Ela firmou. Pechou a libreta. Enganchou o bolígrafo á goma desta e pasoulla a el. El bicouna. Quitou o bolígrafo da goma, abriu a libreta e mentres el comezaba a ler alí estaba ela. Ela fitándoo dende abaixo. O seu flequillo ata as cellas. O seu sorriso. Os seus ollos ben abertos. O seu sorriso.

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats