Fai que chova
Fai que a choiva limpe o po das rúas, que leve con ela a terra pousada sobre as vellas lousas de pedra
Fai que chova
Que todo o gris se convirta en espello, todo o verde en herba, todo o azul en ceo e o aire en mar
Fai que chova
Que a auga entre de novo nas casas. Que as goteiras renazan como manantiais nos salóns das cidades, que as humidades aparezan coma nos cienes mudos. Aparicións marianas nas paredes. Paredes verdes de humidade
Fai que chova
Que os ríos volvan ás cidades. Que os cauces desborden de natureza. Que o asfalto se convirta en leito, a pedra en auga e cristal de farola
Fai que chova
Que teño frío e o peito seco. Quero respirar a humidade na rúa. Os pes empapados chapuzando nos charcos. Natación sincronizada de formigas nas beirarúas
Fai que chova
E prométoche que xuntos trala ventá miraremos as gotas correr cara abaixo, estrelarse cegas contra o vidro, berrar en chasquidos, perderse no chan
Fai que chova
E sal comigo a bailar. Bailemos a danza do constipado e da gripe. Collidos da man co pelo e os osos mollados
Fai que chova
E esquece o paraugas na casa que xapón está agora aquí e non hai paraugas que poida paralo. Esqueceo porque tes presa. Queres saír. Queres chover. Queres correr polos cristais cara o chan onde eu te espero
Fai que chova
Contorsións de ritmo preciso. Movementos espasmódicos. Berros. Ansiedade. A música está na túa cabeza. A auga é música. Ti es auga. Eu son auga. Os pes golpeando os charcos ó ritmo da orquestra. A auga subindo e baixando o noso redor.
Fai que chova
Tes que facer que chova
Como na canción de Tom Waits
Fai que chova
E berra forte
Without your love
Without your kiss
Hell can't burn me
More than this
I'm burning up all this pain
Put out the fire
Make it rain!
Fai que chova
Fai que chova
Na cidade da choiva
Na nosa cidade
Fai que chova
0 queixas sen sentido:
Publicar un comentario