1 de julio de 2010

Recordo. Dou un paso adiante.



Recordo. Dou un paso adiante. A brisa do cantil na miña cara. O primeiro bico. O primeiro bico con ela. Pedras baixo os meus pes nus. Quito a camiseta. Brisa no peito. Frío. 

Recordo. Dou un paso adiante. O bater das ondas. Ela e eu facendo o amor. Ela e eu naquela cama. Ela e eu deitados sobre a herba fresca, á sombra daquela enorme árbore. Ela e eu coa espalda mollada da humidade do chan. Ela e eu descalzos. Ruxidos de deuses nos meus oídos. Gaivotas voando cerca de min. Un barco ó lonxe.

Recordo. Dou un paso adiante. O sol agóchase entre as nubes. Ten vergoña. Eu andando pola praia. So. O sol queimando a miña espalda. A miña cabeza fervendo. Unha onda trae a auga fresca, paseniño, para refrescar os meus nocellos. O barco pérdese ó lonxe. Está a piques de cruzar a liña do horizonte.

Recordo. Dou un paso adiante. Non se escoita indicio algún de civilización humana cerca. Pecho os ollos. Centrome en sentilo e oílo todo. Ela e eu nun lugar escuro. Ela e eu nun lugar sucio. Ela e eu abrazados. Ela e eu sentido xermolar algo dentro. Ela e eu ó mesmo tempo. O cantil está cada vez máis cerca.

Recordo. Dou un paso adiante. Nada disto ten sentido. Penso. Que fácil sería rematar con todo isto. Ela e eu collidos da man nunha praia. É de noite. Non hai area. Camiñamos espidos. As estrelas preñan o ceo de brancuras briladoras. Hai estrelas grandes e estrelas pequenas. Hai unha que brila máis que ningunha.

Recordo. Dou un paso adiante. Penso. Penso? Non, non penso.

Recordo. Dou un paso adiante. Xogo cos dedos nos petos. Teño no dereito un canto rodado. No esquerdo o condón que collera para aquela noite con ela. Ela e eu escoitando música. Sabina. El Rock&Roll de los idiotas. Ela celosa. Celosa por parvadas. Eu sorrindo. Ela rindo ás gargalladas. Xa non faltan moitos pasos.

Recordo. dou un paso adiante. O canto rodado está suave. O plástico do condón non. As súas beiras pican. Eu lendo. Lendo un libro calquera. Tirado no sofá. Na súa casa. Escóitase a ducha. Sempre me tocaba esperar por ela. Sae da ducha so tapada por unha diminuta toalla. Xa piso roca firme.

Recordo. Dou un paso adiante. Un paso máis e estarei preparado para saltar. Para dar un paso adiante. Para non recordar mais. Ela deixa caer a toalla. Eu deixo caer o libro. Un sorriso na miña cara. Un sorriso na dela. Empezo a ler un libro moito máis interesante.

Recordo. Dou un paso adiante. As miñas dedas colgan xa no cantil. Podo respirar o salitre. Sinto o ruxir das ondas. Vexo saltar a auga o estrelarse coas rocas. Dispoñome a saltar. Tenso os meus músculos. Flexiono un pouco os xeonllos. Asomo a cabeza para ver a caída que me espera. Escoito a súa voz dicíndome que volva para o coche. Un sorriso na miña cara.

Non recordo. É presente. Dou a volta. Camiño cara ela. Bícoa nos beizos. Apértoa forte contra min. Á miña espalda o mar ruxe protestando pola miña indecisión. Bico o seu pescozo. A súa respiración acelérase.

Non penso. Non lembro. Non hai recordo. So hai presente. Dou un paso adiante. Salto.  Caio de cabeza no seu mar.

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats