23 de junio de 2010

Ensalada de pasta


Os paxaros voan sobre o tellado. Música no patio de luces. A lavadora tembla baixo o fregadeiro. Un berro dos veciños que volven ter festa. A quen se lle ocorre empezar unha festa ás 9 da noite? Xa verás ti ás 12 a que teñen montada. Enche a pota de auga quente para que ferva antes. Pona ó lume. Xusto antes de que rache a ferver, engade sal. Bastante. Gústanlle as cousas saladas. Realmente non lle gusta comer. Non entende á xente para a que eso é un pracer.

Novo berro no patio de luces. Música. Reggeton. Me cago en Dios. Colle o aceite da alacena. Vota un pouco para que non se pegue a pasta. O leite agreándose na nevera, aberto dende hai unha semana. A auga ferve. Abre o paquete de pasta. Bota menos da que debería dentro da pota. Os fusillis comezan a bailar ó ritmo das correntes de auga. Vai á súa habitación. Mira o móbil. Está a cargar. Nada.

Volve para o comedor. Senta no sofá a agardar un rato. Bisbal. Non encende a tele. Non lle gusta. Saca un libro da estantería e comeza a ler. Engánchase na lectura e mergúllase nun mundo alleo a todo aquilo. Mira o reloxo. Merda! . Corre cara os fogóns. Saca a pasta sen probala. A pasta está pasada. Escoaa. Pona nun prato e métea na neveira, para que enfríe un pouco. Senta a ler de novo.

Mira o reloxo. Merda! É a hora de cear. Waka-Waka no patio de luces. Non ten fame. Ten que comer. É cuestión de saúde. Ostiazo no piso de enriba. Abre a neveira. Caen 4 imáns. Me cago na cona! Colócaos no seu sitio. Un rompeu. Tírao irada no lixo. Colle o aceite e rocía a pasta cun pouco. Berros e saltos no patio de luces. Sillas que voltan ó seu sitio no piso de arriba. Mira cara aquel prato.

Aquela é a ensalda de pasta. A especialidade da casa.

1 queixas sen sentido:

Carla Capeáns dijo...

Quizais lle bote sal á comida porque precisa ter a necesidade de erguerse de noite e ir beber. Ir beber e asegurarse de que os imáns da neveira seguen aí, pegados e mirando en línea recta cara a única ventá daquela casa.

É a especialidade da casa.

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats