9 de junio de 2010

"A felicidade" ou "Apoteose da imbecilidade"


Toda a vida buscamos unha cousa, a felicidade, e en canto a atopamos transformámonos nuns completos imbéciles. Hai tres estados na vida dunha persoa se os clasificamos dende o punto de vista da felicidade.

O primeiro é o depresivo córtome as veas . O común dos mortais pasa curtos períodos de tempo neste estado. Son eses momentos nos que nos sentimos as persoas mais desgrazadas do mundo. Nos que ninguén nin nada nos alegra. Nos que non sabemos por que viñemos a este mundo a por tan grande sufrimento. Xeralmente a causa de que entremos nestes momentos non é, nin de lonxe, suficiente para xustificar estes pensamentos, pero a nosa cabeza enferma lévanos cara eles. De este estado sáese xeralmente cando alguén nos da unha hostia para que espabilemos ou cando o noso corpo, farto de tanto martirio espiritual, comeza a segregar substancias que nos fan entrar no estado intermedio.

O segundo estado, intermedio ou normal é aquel no que os humanos pasamos o 90% da nosa vida. Consiste en vivir o nosa monótono día a día sen preocuparnos por nada. Erguernos pola mañá, almorzar, ir a traballar, a clase ou a estudar, comer, seguir traballando, estudando ou indo a clase. Facer algunha “actividade extraescolar”, tomar algunha caña cos amigos, cear e durmir. Compartir momentos con outra xente cando se supón que hai que compartilos e estar so cando se supón que temos que estar sos. Ver as películas que se supón que temos que ver, escoitar sempre a mesma música. Vivir, en fin, no mesmo mundo día tras día sen cambiar nada. Neste estado aspiramos a alcanzar a felicidade. Anhelámola pero xeralmente non facemos nada por conseguila. Sabemos o que nos faría felices, pero desviamos o que realmente importa (por medo) cara cousas materiais. Compramos roupa e estraños aparellos. Compramos felicidade a mans cheas. E esa felicidade parece escorrer pola tarxeta de crédito en canto mercamos o que tanto levamos ansiando conseguir e para o que tanto esforzo nos custou aforrar. Xeralmente é un encontro casual, un momento máxico, a cousa menos esperada a que nos leva ó estado que lle da título a este post. Case nunca estes acontecementos ocorren no Corte Inglés.

O estado de felicidade imbécil. Os menos momentos da nosa vida pasámolos neste estado entre catatónico e hostiable. Imos pola rúa sorrindo como parvos. Todo che parece bonito. Miras un monumento e quedas extasiado pola súa beleza, miras ó ceo e flipas coas nubes, ou co azul do ceo despexado, ou co sol, ou coa lúa, ou coas estrelas, ou coa ausencia delas. Paseas e non escoitas nada, so ese estúpido sorriso na cara e os oídos taponados por unha musiquiña que soa incesante. A música varía dependendo do momento da vida no que esteamos e do elemento causante da nosa felicidade, pero non sae da nosa cabeza en todo o día. Pensamos na nosa vida e vémola como perfecta. Se cadra hai algo que non nos convence de todo, pero queda perfectamente oculto pola felicidade que nos embriaga e non nos deixa ver nada mais. Deste estado, ó igual que do primeiro, sáese xeralmente cando alguén nos da unha hostia, e habitualmente conduce, como unha roda, ó primeiro estado. Xa se sabe, despois do subidón, sempre ven a caída.

Como conclusión pois temos que o anhelo máximo da vida dunha persoa, o estado ó que todos aspiramos sempre, é a imbecilidade. Todos e cada un de nos, quereriamos ser imbéciles e sorrir como tales todo o día. E aínda que é difícil todos conseguiremos algunha vez na vida ser os maiores imbéciles sobre a faz da terra e cando, ó cruzarnos con alguén pola rúa (alguén en calquera dos outros dous estados) este se xire como dicindo (vaia cara de subnormal) xirarémonos e dirémoslle:

Si, señor. Son un imbécil. E vostede, tamén pode selo algún día, so ten que intentalo.

Asinado: 
Un completo imbécil (nestes momentos claro)

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats