7 de junio de 2010

Hule cristal de espello


Hule reflectía todo o que lle amosaban. Reproxectaba raios de luz en perfecta especularidade cara a persoa que o estaba a observar. Así, cando alguén o miraba so se vía a si mesmo. Mentira. Hule non reflectía nada. Hule so era o cristal que cubría a superficie reflectinte do espello. A súa única utilidade nesta vida era protexer esa superficie. El era mais un estorbo que outra cousa. De feito a especularidade do espello non era perfecta porque el introducía un coeficiente de refracción desviando os raios de luz da dirección que deberían de seguir.

Era o mais baixo do escalafón social da súa familia. Era un simple vidro. Mal feito. Todos os seus familiares eran de algunha utilidade. Os vidros de ventá protexían á xente do frío e do ruído xerado polos automóbiles. Tiñan ponte térmica!! Vaia tecnoloxía. Algo co que el non podía nin tan sequera chegar a soñar.

Despois estaba o seu primo mulato. Sempre o destinaran a botellas de cervexa. Dábanlle fermosas formas para atraer clientes e todo o mundo o desexaba. Nalgúns países, incluso baleiro tiña valor, e o devolvelo a tenda devolvía parte dos cartos que custara. Saía en numerosas películas como arma branca tras romper unha botella. Era, en fin, famoso. 

O mesmo pasaba co tío excéntrico da familia. Sempre con ese verde escuro. Sempre cheo de viño e todo tipo de bebidas alcohólicas. Non deixaba ver a través con claridade. A súa cor distorsionaba a aparencia do contido. E, con todo, a xente amábao. Amábano ata tal punto que lle deron a súa cor ós contedores de vidro.

Despois estaba a aristocracia da familia. O cristal de bohemia. So por vir dun país exótico era o máis cobizado. A súa perfección de confección non tiña igual. So unha cousa consolaba a Hule. O único útil que se fabricaba usándoo eran copas, que case sempre estaban gardadas por medo a que romperan.

Estaban os cristais das gafas, que deformaban a imaxe con perfección de cirurxián. Redirixían cada feixe de raios na dirección correcta cara a retina das persoas. Estes eran dos mais apreciados pola xente.

En cambio el. Moita xente non sabería nin da súa existencia. Para moita xente so era a capa transparente que sempre se enche de dedos e marcas. Esa capa que sempre se empana cando un se ducha e non deixa ver o propio reflexo cando queremos peitearnos despois do baño. Esa molesta capa de protección que sempre está alí para dar problemas. 

Ninguén valora que el non deixa que o reflectinte se engurre. Ninguén valora que el o protexe das raiaduras. A xente a penas sabe que existe. Sen embargo, se un día decidira revelarse, se decidira non deixar pasar a luz; non quedarían espellos no mundo. Cando menos, non existirían espellos coa función que agora mesmo teñen.

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats