29 de junio de 2010

A matanza do porco



Eu vivía xunto coa miña nai nunha casiña no medio do monte, ó lado dunha explotación mineira ó aire libre. O meu pai abandonáranos cando eu a penas contaba tres anos. Dende aquel entón a miña nai tivo que apañarse para sacarme adiante co escasísimo soldo que lle daban na fábrica de alfombras na que traballaba.

Eu acudía dende os cinco anos a unha pequena escola que había nun lugar próximo á fabrica onde traballaba a miña nai. Na miña clase había rapaces de tódalas idades, dende os dezaoito anos do maior ós escasos seis do máis pequeno. Eu detestaba ir á escola, pois don Godofredo (que así se chamaba o mestre) tiña o máis que desagradable costume de pegar labazadas por calquera parvada que non sabiamos ou que simplemente polos nervos non eramos capaces de dicir de forma correcta.

Unha mañá como outra calquera, saín da casa coa miña nai ás seis en punto. Emprendémo-lo camiño a pé polo sinuoso percorrido do vieiro de terra que levaba ata a vila. Eran uns tres quilómetros de distancia, pero a min parecíanme trescentos metros, tal era o pánico que lle tiña ó mestre.

Cando chegamos á escola a miña nai deume un bico de despedida e dirixiuse cara á fábrica. Só de pensar en cruza-la porta e ve-la desconxuntada cara de felicidade do mestre ó ver que unha vez mais o seu alumno máis odiado volvía chegar tarde e que tería a oportunidade de me volver humillar diante dos meus compañeiros, producíame arrepíos. Sentín desexos de quedar na porta, ou de voltar á casa, ou simplemente de saír correndo todo o lonxe que me puideran leva-las miñas curtas pernas. Pero non podía darlle as costas á miña nai, que estaba a traballar arreo todo o día para que eu puidera ir á escola e non tivera que traballar. Así que me armei de valor e fixen xira-lo pecho. Ó mestre faltoulle tempo para cruza-la clase enteira e chegar á porta. Púxose o meu lado en actitude desafiante, miroume e remiroume, pero non me deu a labazada que esperaba, senón que me dixo con aire de superioridade:

¿Por qué llega tarde? ¿Es que acaso se cree más importante que sus compañeros y tiene derecho a dormir más? -inquiriu-

Non señor, simplemente ocorreu que a miña nai quedou durmida e chamoume un pouco despois da hora que adoita -respondín-

Aínda non rematara de pronunciar esta frase cando sentín unha dor grandísima na miña meixela dereita, tal fora a labazada que me dera na cara que mesmo pareceu que a cabeza me ía dar unha volta de campá, e, despois saír disparada. A este golpe seguiuno outro de similares características pero na outra meixela, recolocando a cabeza no seu centro de gravidade. Dorido, dirixinme cara ó meu pupitre decidido a que esa sería a última vez que o mestre me pegaría de forma tan brutal.

Marchei da clase esa mañá e decidín chegar despois da hora tamén pola tarde, pero daquela como se atrevera a pegarme ía enterarse de quen era eu. Fun correndo para a casa como de costume para prepara-la comida e comer só, coma sempre. Cheguei á cabana e púxenme a cociñar uns ovos fritidos e a cocer unhas patacas. Mentres as patacas cocían dirixinme a un palleiro que había cerca da nosa casa e que pertencía ó fidalgo da parroquia. Como outras moitas veces fixera subín por un cano de auga ata a altura dunha ventá que sempre estaba aberta para que o cheiro da palla podrecendo non fixera presa do pendello. Atravesei a ventá e peguei un chimpo. Encantábame esa sensación, mesmo parecía que estaba a voar. Neses curtos segundos de caída sentíame feliz e libre como nunca. Sentíame despreocupado. Era coma se soñase. E dese soño espertaba cando topaba coas suaves pallas que semellaban estar situadas como o colo dunha nai que me acollera.

Pasado o trance dirixinme cara o meu obxectivo: o enorme coitelo que se empregaba para degola-los porcos na matanza e abrilos despois en canal. Collino e saín pola porta principal. Cando cheguei á miña casoupa, as patacas xa estaban case cocidas, metín o coitelo na miña pequena mochila, saquei do lume os tubérculos e comín relaxadamente.

Pola tarde saín de novo cara á escola, percorrín a modiño a distancia que me separaba do colexio. Cheguei case media hora tarde, o que era como un sacrilexio para o profesor. Abrín decididamente a porta e cruceina sacando peito e todo o estirado que podía. Non sei se foi por esta actitude arrogante polo que o mestre quedou fliplando, e non soubo qué facer, polo que quedou sentado no seu trono e eu avancei cara ó meu asento. Senteime ó lado de Leticia, unha moza dous anos máis nova ca min que chegara do Perú ese mesmo ano. Miroume moi sorprendida, coma se non comprendese a miña actitude. Lanzoume unha mirada interrogativa e eu simplemente encollín os ombros.

A clase proseguiu do xeito habitual, ata que o mestre, decidido a devolverme a xogada me preguntou non sei qué das illas da Polinesia, cousa da que eu non tiña nin idea. A miña compañeira intentou dicirme a resposta, pero ó segundo de abrir minimamente a boca o profesor xa estaba ó seu lado e xa lle largara semellante puñada que a rapaza golpeou contra min con tanta violencia que ata me fixo dano.

Non lle debe pegar ós alumnos -dixen eu-

¿Cómo? ¿Me lo puede repetir? Es que no le he oído -respondeu-

Oíume vostede perfectamente.

Ó mestre non se lle ocorría nada qué argumentar, así que dixo:

¿Cuantas veces le tengo dicho que no hable el gallego cuando yo estoy presente, que es un lengua de paletos?

Eu falo o que me dá a gana, e non cambie de tema, como me volva pegar a min ou a un compañeiro meu, mátoo.

O profesor non acababa de saír do seu asombro ante unha situación que endexamais se lle presentara. Comezou a rir como só el sabía facelo. Era algo que non soportaba. Aquelas gargalladas atravesábanme o cerebro. Volvinme tolo por uns intres. Sentín unha forte dor na caluga e posteriormente na fronte, foi entón cando me decatei de que me acababa de dar unha labazada das que fan historia. A miña cabeza saíra propulsada a toda velocidade contra a mesa e despois rebotara ata recupera-la verticalidade. Sentín o silencio que se facía ó meu redor, notei o sangue quente que, dende o nariz e as cellas, me escorregaba polas meixelas, e un odio aínda máis profundo que o que xa sentía por aquel mestre xurdiu no meu interior. Collín o coitelo e amoseillo ó estupefacto home, que xa non era o pedante que se permitía insultarnos ou incluso pegarnos pola nosa ignorancia froito das súas malas leccións, o que eu vía era un cadelo co rabo entre as pernas, un poderoso elefante atemorizado porque acaba de descubrir que o rato que ten diante é capaz de xogar a ser Deus coa súa vida, en definitiva, un porco atemorizado antes da matanza. Lanceime sobre el e corteille o pescozo como tantas veces fixera cos porcos. Sentín que o seu sangue tocaba a miña pel, e nese momento espertei da miña tolemia e saín a todo correr daquel lugar maldito chamado escola.

Vaguei polo monte durante varios días, ata que a policía deu comigo e me enviou ó hospital psiquiátrico onde me atopo dende hai xa dez anos. Na miña mente repítese constantemente a mesma frase, e eu reprodúzoa en alto.

Non lle pegues ós nenos, son o futuro deste mundo

E é por iso que me chaman tolo.
Un rapaz de 16 anos

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats