24 de abril de 2010

Hule e as estrelas pequeniñas e redondas



O que máis lle gustaba a Hule era deitarse na herba fresca das praias de Compostela e observar as estrelas. Ocorríalle que, mentres as ondas rompían con estrondo entre os nichos, o ceo parecía iluminarse con miles de estrelas. El observabaas a todas. Algunhas gostábanlle máis que outras, pero sempre aparecía algunha que o hipnotizaba e o deixaba mirando para ela durante toda a noite.

A Hule encantábanlle as estrelas pequeniñas e redondas, que pasarían desapercibidas a calquera mirada que non as buscara. Todo o mundo prefería ás que brilaban máis que ningunha outra. Pero el cando atopaba unha pequeniña e ben redonda ficaba mirando para ela durante horas. Ocorría entón que esa estrela que no principio a penas se vía entre os seus millóns de primas, comezaba a medrar. A súa luz tapaba a todas as demais. Na retina de Hule desaparecía o ceo e quedaba so esa estrela redonda e brilante queimándolle cons e bastóns. El faláballe durante horas e ela escoitaba e continuaba achegándose a el. Cando estaba tan preto que case podía tocala coas xemas, el extendía o seu brazo para acariciala,. Ela sempre escapaba sen dicir nada e volvía a confundirse entre a inmensidade estrelada do ceo.

Cando Hule, á noite seguinte, a buscaba, nunca a atopaba na inmensidade branca do ceo. Pasaba entón un tempo, semanas (tal vez meses) ata que voltaba a atopar outra estrela que se lle parecera en beleza. Ocorríalle que despois de ver a luz da estreliña enchendo a súa retina, todas as demáis lle parecían pouco. Mirábaas e non vía ningunha capaz de igualala a ela. Quitábanselle ata a as ganas de mirar ó ceo.

Pero o final, co paso do tempo, sempre acababa atopando algunha que a superaba. Tal vez so superase o seu recordo e Hule sabía que o recordo desta mesma estrela que agora miraba acabaría sendo superado. O fin e o cabo, moitas veces, vivimos no recordo, pensando no pasado, ou no futuro, desexando cousas, sen darnos conta de que estamos realmente vivindo agora. Hule desfrutaba o momento en que as estreliñas o enchían de luz, sen preocuparse de que elas escaparan cando el as intentara acariciar. El desfrutaba o momento sen preocuparse da fuxida que sabía segura.

Tal vez, algún día, unha estrela pequeniña e redonda se acerque moito a Hule, tal vez se deixe acariciar e se mostre a el todas as noites. Tal vez algún día Hule terá a súa estrela para mirarse nela todo o tempo que os dous queiran. Ata entón el seguirá vivindo de recordos, de agoras, de futuros coñecidos, descoñecidos e anhelados.

2 queixas sen sentido:

Carla Capeáns dijo...

Peza para dous actores... Hule e a estrela. Pronto chegará esa estrela.Como ben dis, moitas veces pensamos no pasado e tentamos maxinar un futuro. E o presente? De tanto pensar esquecémonos de vivir no agora.

Vou mirar para vós... estreliñas do ceo.

Teresiña dijo...

Un ceo, centos, milleiros e milleiros de estrelas, dous ollos e un só corazón.
Pode que non escollas a mellor estrela pero é a única que enche o corazon de luz e agora aínda que saibas que esa estrela non brilla só para ti segues apagando o teu corazón para ela.

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats