23 de abril de 2010

Hule libro


Cando o escritor tecleou a derradeira letra, cando acabou a última corrección, cando Hule por fin estivo acabado, sentiuse por primeira vez vivo. Esperábao un mundo de experiencias. Sería copiado nunha imprenta ata a saciedade. Pasaría por miles de mans. Todo o mundo o compraría cun sorriso nos beizos, instrigados por coñecer os seus secredos. Sabía que o abrirían e que o desfrutarían. Que tal vez para alguén incluso significara algo especial. Tamén sabía que moita xente o empezaría, non lle gustaría e o deixaría sen acabar de coñecer todos os secredos que escondía para eles. Sabía que moitos dos seus exemplares acabarían co tempo adornando unha estantería chea de po, ou nun escritorio ciscados, ou nivelando unha mesa cunha pata demasiado curta.

Pero aínda así era perfectamente coñecedor de que sempre habería alguén que o collería de debaixo da pata da mesa, que o sacaría da estantería, que non o deixaría enriba do escritorio ciscado. Que mentres houbese persoas sobre a terra habería quen se intrigase pola súa historia. E tal vez a historia fose importante. Pero tal vez fose o de menos e o importante fose a historia da persoa que o lera e a relación desta con Hule. O importante tal vez fose o tacto, ou a forma das letras. As palabras, os adxectivos e verbos que contiña. A importancia das cousas varía tanto segundo a persoa que o valore!

O que estaba claro é que algo importante había nel, pois co paso dos séculos, os homes pasarían, o seu autor pasaría, as cidades, incluso, pasarían, e el seguiría soportando mesas, seguiría en estanterias, sobre escritorios,  nas mans de algunhas persoas e na cabeza de moitas. O realmente importante era el. Era Hule.

1 queixas sen sentido:

Carla Capeáns dijo...

A vida é como os libros. Ás veces esquéceste dela. E alí está, metidiña nunha estantería, durmindo entre libros de primaria...deses que teñen unha chea de debuxos. Eiii, esperta! Aquí estou, esperando a que leas a primeira páxina do teu próximo destino.

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats