26 de abril de 2010

Hule mensaxe velada

A Hule o que máis lle gustaba de ser unha mensaxe era ser unha mensaxe velada. Dicir algo e querer significar outra cousa. Encantáballe que os ollos da xente se pousaran sobre el e que ninguén soubese de que se trataba. Algúns entenderían cousas, pero sempre desacertadas, e os mais atopábano totalmente incongruente. 

Desfrutaba sobremaneira cando a persoa á que ía dirixido por fin o lía. Sentirse comprendido era unha sensación tan pracenteira que non podía evitar sentir que as liñas se lle volvían borrosas (o equivalente a poñerse os pelos de punta, pero en mensaxe escrita). Gostaba especialmente de ser unha mensaxe de namorados. Ver a cara de parva que se lle quedaba á outra persoa cando o lía valía todos os esforzos do transporte de información. Eses primeiros momentos de cortexo eran o que a Hule máis lle gustaba. Despois viñan as mensaxes veladas de rancor, odio ou simplemente aburrimento e rutina. Onde todo se desfacía. Hule, entón, non desfrutaba tanto.

Algunha vez Hule era unha mensaxe velada escrita, outras era falada e outras simplemente un xesto, un sorriso, unha mirada. Aínda que lle gustaba ser tinta, prefería ser onda sonora, que aloumiñara un oído e provocara  un nerviosismo na persoa receptora. Que provocara unha dúbida, unha aceptación ou un rexeitamento sutil. Hule era difícil de detectar, por eso a xente cando o recibía non sabía como actuar, e mandabao de volta á súa orixe cunha mensaxe afirmativa ou negativa, dependendo dos gustos do emisor.

Ir dun lado a outro encantáballe a Hule, aínda que o vía un pouco absurdo. Co fácil que sería convertelo nunha nunha mensaxe clara e concisa e saír de dúbidas. Pois seica non era tan fácil. O longo da súa vida comprendera que as relacións entre as persoas son complexas e que estas se preocupan por parvadas. Pasan días ou meses sofrindo (aínda que din que algúns desfrutan) mandándose consignas por non dicir as cousas claras. E é que da tanto medo unha resposta negativa clara e concisa a unha pregunta clara e concisa...

3 queixas sen sentido:

Teresiña dijo...

As mensaxes van e veñen, corren de uns a outros, pérdense polo camiño e máis tarde vólvense atopar... as mensaxes que non atopan resposta respostadas están. aínda que che aloumiñen o oído...non as deixes aloumiñar.

Carla Capeáns dijo...

E ás veces as mensaxes chegan sen un remite...

Anónimo dijo...

dicir pero nunca significar

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats