19 de mayo de 2010

Choiva nos cristais


Mirou pola fiestra. Deulle unha chuchada ó cigarro. A choiva non paraba de golpear os cristais, resonando nun eco de tambor incesante. Tratou de adiviñar que canción estaría a tocar a natureza ese día. Sooulle a música de orquestra. A noite de verán na carballeira. A ela abrazándoo forte, moi pegada a el, bailando o agarrado.

Máis aló do cristal estaban as margaridas vermellas que plantara xa había un tempo para darlle un pouco de alegría á visión de cemento e ladrillo que o saudaba cada maña na habitación de pensión na que vivía. Votou o fume contra o vidro, facendo aínda máis turbia a visión do exterior.

Caía a noite. Os coches comezaban a acender os seus faros. Derrotado deixou caer a súa fronte sobre o frío cristal. Pechou os ollos e de súpeto un sorriso invadiu a súa boca. Comezou a bailar dando voltas na habitación, ó ritmo que lle marcaban as gotas no vidro. Mareado apoiou de novo a súa cabeza na fiestra.  Levou a man ó peito, onde a ferida aínda sangraba, aberta. Non fora un mal día. Espertara cun corazón que xa non tiña. Unha preocupación menos na vida. Unha vida menos da que preocuparse.

Incorporouse. Unha marca de vaho debuxaba a súa fronte no vidro. O seu reflexo apareceu fugaz, consumido polas sustancias que levaba anos inxerindo. Chuchou ó cigarro e votou o fume contra o cristal, borrando a súa imaxe da terra para sempre.

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats