21 de mayo de 2010

Ti escoitándome


As ondas rompían contra o acantilado, forte. Contábanlle historias traídas de lonxanas terras. El, sentado na roca escoitaba. Na vila todos lle chamaban tolo pero el coñecía a diferencia entre oir e escoitar. Había xa tempo que o mundo esquecera estes conceptos. Todos vivían no seu monótono día a día de ruído, desorde e polución. Todos falaban e todos oían, pero ninguén escoitaba o que o outro dicía.

Por iso xa ninguén entendía o mar, aínda que este se esforzase lanzando berros contra os acantilados con toda a súa forza. A xente ía e miraba como as ondas rompían. Oían o estrondo, pero ninguén escoitaba o que o mar estaba a contar. So el.

Fascinado pasaba días enteiros cos ollos pechados sentado nas rocas, alí onde o ruído da xente non podía chegar para distraelo. Escoitaba como o mar lle falaba das baleas, de antigos piratas que asaltaba navíos a miles de quilómetros de alí. Contáballe historias de amor e desventura, de aventura e misterio. O fin e o cabo, o mar levaba sobre a terra mais tempo do que el sabía contar e coñecía historias fantásticas que lle contaran outrora os mariñeiros que o surcaban. De vez en cando tamén se deleitaba contándolle fazañas súas, como a de afundir a armada invencible ou a de esculpir marabillosos monumentos naturais como a praia das catedrais.

Ó comezo el so ía unhas horas ó cantil, o tempo xusto para escoitar un par de historias do mar. Pouco a pouco pasaba cada vez mais horas con el. Mudouse a vivir ás rocas para poder escoitalo pola noite mentres durmía. Xa non facía mais que estar alí, co seu compañeiro. Comía o que o mar lle regalaba e bebía dos charcos de auga doce que a choiva lle outorgaba. Foi entón, ó cabo duns meses, cando as faladurías comezaron na aldea.

Tratábano de tolo e varias veces tentaron achegarse ó acantilado os enfermeiros do psiquiátrico. Pero xusto cando ían comezar a descender o mar golpeaba as rocas con tanta forza que o acceso se facía imposible. Finalmente deron por perdida a súa causa e deixárono que vivira ó seu modo, posto que non facía mal a ninguén. 

Unha mañán, Hule espertou inquedo. Non se escoitaba o mar. Pensou que quedara xordo. Nada tiña xa sentido para el se non podía escoitar o seu eterno compañeiro. Abriu os ollos desesperado e viu que as ondas cristalinas do mar se convertiran nunha masa espesa e negra que eporcaba as rocas segundo petaba contra elas. Axeonllado na roca sentiu como pouco a pouco o seu corazón ía parando. Unha bágoa esvarou pola súa meixela e foi a dar a un charco de auga que aínda ficaba limpa da maldición que o asolaba todo. Segundo a gota caía na charca unha gran onda saiu do mar e enguliuno, levándoo con el para sempre.

Contan, que cando o mar conta agora historias as veces faino con duas voces e unha é tan humana que parece que che estivesen a falar ó oído. Pero claro, para saber se isto é certo, cumpriría saber escoitar, e iso é algo que a nosa especie xa hai tempo esqueceu.

0 queixas sen sentido:

Publicar un comentario

 
Free counter and web stats